Celebrarase en Vigo o próximo 15 de novembro
1ª Xornada de difusión do Proxecto HI_MOV
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal (GNP, AECT) organiza o próximo 15 de novembro unha xornada de difusión dos primeiros resultados do proxecto POCTEP “HI_MOV Corredor Tecnolóxico Transfronteirizo de Mobilidade con Hidróxeno Renovable”. Este evento, que se celebrará en Vigo, permitirá coñecer os avances realizados polo consorcio na articulación dun ecosistema transfronteirizo que impulse en Galicia e o Norte de Portugal unha cadea de valor en torno ao hidróxeno. Tamén se presentarán parte das actividades técnicas que se están desenvolvendo no marco deste proxecto, que busca contribuír a unha mobilidade sostible baseada en fontes renovables aproveitando os recursos e o know-how existente na Eurorrexión.
O proxecto HI_MOV está a ser desenvolvido por dez socios: aos coordinadores, CTAG, súmanse outros tres centros tecnolóxicos (ENERGYLAB, PIEP e CEiiA) as universidades de Minho, Porto e Santiago de Compostela, a GNP, AECT, a empresa Petrotec, e o INEGA. O orzamento total para os tres anos de proxecto ascende a 2 175 000 euros. HI_MOV está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
Primeiros resultados do proxecto
A xornada será inaugurada polo director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, e contará coa participación de investigadores e expertos das diferentes entidades socias deste proxecto. Así, presentaranse o Boletín de Vixilancia Tecnolóxica creado no marco do HI_MOV e as actividades vinculadas coa comunicación, así coma o calendario dos diferentes cursos sobre tecnoloxías do hidróxeno que se impartirán o próximo ano. Tamén, avanzarase un dos documentos elaborados no marco desde proxecto: un estudo no que se revisa o estado da arte, iniciativas, infraestruturas e escenarios de mobilidade na Eurorrexión no ámbito do hidróxeno renovable. Por último, daranse a coñecer os avances en materia do desenvolvemento dun depósito de presión para o almacenamento de hidróxeno.
Esta xornada está aberta á participación do público, previa inscrición no enlace: https://t.ly/FA09M
Un proxecto para fortalecer a cadea de valor do hidróxeno renovable na Eurorrexión
No marco do HI_MOV, durante 36 meses analizaranse as potencialidades do hidróxeno renovable como vector de mobilidade no eixo Galicia-Norte de Portugal, mellorarase a capacitación e o posicionamento tecnolóxico das entidades da Eurorrexión na industria emerxente ao redor do hidróxeno, desenvolveranse conxuntamente solucións tecnolóxicas e demostrarase a viabilidade do seu uso no espazo transfronteirizo mediante probas piloto.